11/2/10

FÓRUM GASTRONÓMICO

O Fórum Gastronómico é un congreso pioneiro que se celebra desde o ano 1999. Aínda que naceu como congreso profesional de cociñeiros, hoxe en día trátase dun punto de encontro imprescindible para empresas agroalimentarias, cociñeiros, profesionais e restauradores; así como unha feira de produtos de alta calidade tanto en alimentación como bebidas, publicacións, utensilios ou maquinaria.
Este ano 2010 celébrase en Santiago de Compostela no Recinto Feiral do 20 ó 24 de Febreiro e como non, o Plan de Dinamización de Produto Turístico Ferrol-Ortegal non podía faltar a esta cita que se converteu en ineludible.
O PDPT Ferrol-Ortegal acudirá para dar a coñecer os produtos gastronómicos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Así, todo aquel que se pase polo noso stand poderá descubrir a gran variedade gastronómica que o noso territorio ofrece, desde as nosas afamadas conservas, os nosos produtos da horta, as nosas carnes, os nosos queixos, a nosa repostería, o noso pan artesanal e así unha infinidade de produtos de exquisita calidade.
Ademáis, poderedes gozar das degustacións que faremos ao longo dos días en que se celebra o Fórum.
Non volo podedes perder, vémonos no Fórum Gastronómico!